EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

miércoles, 13 de abril de 2011

OS CENSORES VOLVEN INTENTALO


CASUS BELLI apenas leva unha semana aberta ao público e xa conseguiu excitar os peores instintos dalgúns membros da nosa clase política: prohibir e arrasar con todo o que non se somete ás súas formulacións ideolóxicas.
Posiblemente a proximidade da cita electoral axuda a caldear o ambiente, e algúns que xamais pisaron unha sala de exposicións aproveitan as obras de arte para disparar contra os seus adversarios.
A nós, como parte implicada, só nos cabe defender a proposta desta exposición: arte é sinónimo de conflito de recepción, e a obra de arte ha de abrirse camiño nun contexto, a miúdo adverso, que se defende con uñas e dentes de calquera expresión que poña en dúbida o sistema ideolóxico dominante, que cuestione o status do establecido.
O cadro de Manuel Moldes que, outra vez, se quere converter en pedra de escándalo, xa sufriu fai 25 anos a agresión da censura e foi retirado dunha exposición por presións políticas. Hoxe, tantos anos despois, preténdese repetir a agresión, semella que nada cambiou, porque sempre é máis fácil prohibir que tratar de entender aquilo co que non comulgamos. Sempre é máis fácil negar a palabra que escoitar as razóns do outro.
CASUS BELLI non é unha exposición sobre a censura, pero si atende (entre outras moitas causas) á censura como forma extrema de conflito de recepción, e o sucedido estes días vén darnos a razón polo menos nunha cousa: a obra de arte ha de gastar parte da súa enerxía na loita pola súa propia supervivencia, e a súa principal tarefa: ampliar o campo do pensable, non a levará a cabo sen enfrontarse a toda clase de resistencias.


Niso estamos


Compartimos ao cen por cen o cometario de Ramón Rozas publicado no Diario de Pontevedra:
"Os políticos pasarán, pero ese cadro de Manuel Moldes permanecerá para sempre no imaxinario artístico galego como unha feliz interpretación humanista dunha relixión contra a que en ningún aspecto atenta o artista, todo o contrario, amosar un Cristo espido e boca abaixo supón dotar de humanidade a ese home que sufriu na cruz. Se a eso o rodeamos coa integración no ambiente pontevedrés temos un dos mellores cadros dun pintor imprescindible na nosa historia artística e que por suposto está por riba de liortas políticas."


E grazas polas súas palabras de alento a Willy Sifones:
"Fai 25 anos a obra de Manolo Moldes velouse na propia Bienal de Pontevedra. Os curiosos achegábanse e retiraban a cortina que a cubría para ver aquel cadro prohibido por orde da autoridade competente. Nas actas da Bienal retirouse toda referencia á obra, e, pese ás protestas do artista, a cousa quedou en nada. "Había un problema y lo hemos solucionado", diría certo dirixente político español. Pois ben, noraboa aos responsables da expo por recuperar a obra e pola intencionalidade política que acompaña á súa proposta. Poñamos os problemas enriba da mesa para tratar de cuestionar o código non escrito que regula a vida pública: malia que lles pese a algúns certas cousas mudaron lixeiramente."

NOTICIAS RELACIONADAS:

No hay comentarios:

Publicar un comentario