EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

viernes, 22 de abril de 2011

HISTORIA DE UN BURATO. Arte nos baixos fondos


A historia -a memoria- sempre ten buratos. E neste caso máis. Con todo, tentaremos contala con rigor: cara ao ano 2002 tivo lugar en Ourense un activo episodio de agrupación artística. O xermolo estivera no I Certame de Artes Plásticas da Deputación Provincial que valeu, máis que nada, para que unha serie de artistas novos contactasen entre si. Sen tratarse do que en arte se entende convencionalmente por un grupo, mais cunha concepción aberta na que primaba o debate e que incluía diversos ámbitos da creación, o núcleo inicial foi medrando ata acadar un número considerábel. Dun xeito ou doutro, participaron no proxecto Serxio Torres, Alejandro González Caporale, Xosé Lois Vázquez, Fernando Dacosta, José Carlos Fernández Seoane, José Paz, María Puertas, Rosendo Cid, Pablo Otero, Tomás Valente, Jorge Varela, Rebeca González, Tegra Vázquez, Xosé Vilamoure, Ofelia Cardo, Manuel Novoa, Acisclo Novo, Iván Prieto, Marta Vega, Xoán Carlos Rodríguez, Claudio Pato, Antonio Afonso, Jesús Costa, Xoán Torres e Manolo Figueiras. Xuntabámonos en bares, nomeadamente no Ollo Ledo e no Trampitán, e de aí saíron varios proxectos que se materializaron nas exposicións Lugares da Memoria (2003), no vello cuartel do Cumial, e Zona de Exclusâo (2004), no espazo da Bienal de Vilanova de Cerveira, ambas as dúas mostras xenerosamente auspiciadas pola institución provincial ourensá.
Logo destas experiencias, algúns dos participantes foron pensando que sería mellor seguir traballando á marxe da tutela institucional e comezou a coller forza a idea de artellar unha praxe autoxestionaria. Foi entón cando Xoán Torres recuperou do seu acelerado turmix mental unha vella idea: xestionar e utilizar como espazo expositivo un burato situado no centro da praza Maior de Ourense que só se usaba no Nadal para espetar nel o abeto coas luces de cores e que o resto do ano permanecía pechado por unha tapa de sumidoiro.
A idea parecía boa, interesante, peculiar, abarcábel, sinxela, barata... e a partir dese momento comezamos a traballar no proxecto de forma case monográfica. Pero pronto vimos que a cousa , por pequena que fose, non ía resultar tan doada. A propiedade do burato era municipal e no Concello dixeron que moi ben pero que o primeiro que tiñamos que facer era constituírmonos legalmente como asociación cultural con estatutos, presidente, secretario, tesoureiro e todo iso. Fixémolo. Logo, a negociación pasou a levala persoalmente o daquela concelleiro de cultura Manuel Araujo que nos pediu un proxecto por escrito. Fixémolo. Tamén comezamos a elaborar unha programación de posíbeis intervencións e un modelo de carta en varios idiomas para convidar artistas a participar. Tamén nos pediron un proxecto técnico. Fixémolo. Polo momento, a utopía autoxestionaria consistía basicamente en facer obedientemente o que nos mandaban, pero como o tema interesaba, proseguiamos.
Coa axuda do arquitecto Tomás Valente proxectouse e encargouse a construción dun módulo contedor en aceiro inoxidábel con tapa de cristal que se adaptara ao burato. Todo semellaba estar a punto, pero por parte do Concello nunca había unha resposta clara. Todo era dar largas, poñer pegas, escusas... Decidimos sacar nalgún medio a primicia do novo espazo expositivo por ver se así se aceleraba o tema, pero non. Lembro que nunha reunión alguén se preguntou se no proxecto do Guggenheim de Bilbao terían sido necesarios tantos trámites e negociacións. Sarcasmos á parte, a cousa derivou nun continuo e frustrante desencontro.
Até que finalmente nos propuxeron inaugurar o espazo en maio de 2007, en plena campaña electoral das municipais. De maneira asemblearia tomamos a decisión de responder que non. Nas eleccións, o PP perdeu o concello e ao novo goberno semellaba non interesarlle moito o tema. Por outra banda, e como adoita acontecer, o impulso colectivo fora esmorecendo, de modo que o proxecto Burato quedou aparcado e rematou por podrecer como unha mazá que levara anos metida nun armario (ou sería mellor dicir nun burato?).
                                                                                    
M. Figueiras





No hay comentarios:

Publicar un comentario