EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

domingo, 15 de mayo de 2011

PELUCAS. Da rúa ao museo, ...do museo á rúa

PELUCAS, Melaspiro, obxectos, 2011, medidas variábeis

“Adios Galiza, ola Xapón” a instalación que Pelucas presenta en Casus Belli foi a única obra realizada especificamente para esta exposición, un site specific no que o artista estivo traballando, coa axuda dalgúns colaboradores, mentres ao seu arredor íanse desenvolvendo os traballos de montaxe do resto das obras: un tráfago progresivamente acelerado e bullicioso que en ningún momento conseguiu entorpecer a concentración e a capacidade de traballo dun creador afeito a producir moitas das súas obras -especialmente os murais feitos na rúa- baixo a presión, sen dúbida máis perentoria, do tráfico urbano e a mirada vixiante da Policía Local.

Evidentemente non é esta a primeira vez que Pelucas instala as súas obras nun espazo museístico convencional, recentemente estivo presente en “Non sei antes, pero agora é isto” na sala Normal da Universidade da Coruña, e todos recordamos a súa intervención na exposición “Urbanitas” (MARCO, Vigo, 2006), onde a xigantesca pintura mural realizada coa colaboración, entre outros, de Nano4814, e de Tiñas, converteuse nunha das intervencións máis celebradas da mostra. Pero, a pesar destas e outras presenzas museísticas, o traballo de Pelucas, como o de moitos dos seus compañeiros de actividade, non deixa de sufrir unha certa marxinalidade que os encadra sempre lixeiramente á marxe do sistema artístico institucionalizado e dos seus medios de exhibición, distribución e comercialización. E, o que é máis importante, mantenos afastados do sistema crítico de recepción de obras de arte.

Estigmatizados coa designación de “grafiteiros” moitos destes artistas son aceptados nos museos como unha especie de cota da rúa, ou concesión (sempre co carácter dunha simpática anomalía e por un período de tempo limitado) á aparencia de modernidade: unha pincelada de streeet art non desentona en ningunha exposición de arte contemporánea e sempre achega un pouco de humor e frescura. Pero, salvo contadísimas excepcións, aínda está lonxe o momento en que un artista como Pelucas -ou calquera dos seus compañeiros- sexa asumido, sen matizacións nin prevencións, polo sistema crítico e os modelos convencionais de recepción das obras de arte (con todo o positivo e o negativo que isto leva).

“Son un pintor que pinta na rúa. Ao final, fago de todo menos garffiti, a miña obra é máis plástica”, son palabras de Liken (a.k.a. Tiñas) irmán xemelgo de Pelucas, que se poderían atribuír a moitos dos artistas da súa xeración. E evidentemente estamos ante uns traballos de indubidable calidade gráfica, dunha habilidade técnica que alcanza non poucas veces un extraordinario grao de virtuosismo, ao mesmo tempo que desenvolve un complexo mundo conceptual no que a sátira social e a mirada crítica respecto do propio medio artístico non chegan aocultar unha prodixiosa fantasía e unha capacidade aparentemente ilimitada para contar historias e dar conta dos temas fundamentais de que a arte se ven ocupando desde que os pintores das cavernas paleolíticas -¡outros grafiteiros, pintadores de muros!- puxeron en marcha a maquinaria de produción de imaxes.

Sexo, morte, amor, supervivencia, absurdo... detrás da instalación de Pelucas en Casus Belli -e xa é bastante significativo que case todo suceda “detrás” da obra- desenvólvense miles de historias cruzadas, disparatadas aventuras de delirio e estupefacción, pequenos escenarios se superpoñen, envíanse sinais dun mundo a outro, intercambian posibilidades de sentido, rinse a gargalladas, ...ou simplemente quedan mirando como a vida corre a gallarón arrastrando na súa riada as categorías con que intentamos encaixala.

Un conxunto de debuxos, realizados en colaboración con Raigal -debemos tamén anotar que unha certa colectivización do traballo artístico caracteriza a moitos destes creadores- traslada ó mundo das dúas dimensións as obsesións e os achados do universo máis escultórico da instalación. En definitiva, un artista e unhas obras á espera de un espectador que, liberado dos anteollos do contexto, móstrese disposto a mergullarse sen receos nunha proposta que fai saltar polo aire todas as fronteiras.





PELUCAS, Adios Galiza, ola Xapón, instalación, 2011, medidas variábeis

1 comentario: