EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

lunes, 9 de mayo de 2011

JUAN LOECK. Os moldes da memoria




É moi posible que só unha pretensión supere en dificultade ao fantasioso proxecto de facer un molde do mar, que algún día enunciou o escultor Juan Loeck: facer un molde da memoria. Está claro, vista a “dimensión” destas fantasías, que os traballos que Juan Loeck nos presenta “non pretenden falarnos do mundo segundo as súas medidas obxectivas, senón máis ben peneiralas por un filtro emocional. Cada unha das súas obras é unha xesta, un proceso épico co que intenta resolver un novo misterio relacionado coa materia e co estudo do proceso creativo en detrimento de a produción de mercadurías da arte” (Elsa R. Armentia).

O autorretrato seleccionado par esta exposición pertence a unha longa serie de traballos realizados con chapapote, aproveitando as pequenas bólas de “pichi” que Loeck recolle das areas das praias, nunha clara evocación táctil e olfativa dos felices veráns da súa infancia. As primeiras manipulacións consistían apenas en modelados directos dos fragmentos máis maleables ó calor da man. Enseguida comeza a recubrir de chapapote pequenos obxectos, como barquiños de plástico, tamén relacionados coa evocación do mar e da infancia. Logo veu o refinado (fervido e filtrado), e a utilización de moldes, cun material xa mesturado con cera de abella para outorgarlle máis resistencia e elasticidade.

O “Autorretrato” resultou ser a primeira peza de pichi exposta ao público, na Alameda de Pontevedra, no contexto da exposición “Galicia, terra única”, no verán de 1997. Así se expresou o propio autor no catálogo da mostra: “Aínda que facer arte é o meu problema, levarme da praia algo máis do que trouxen ten unha clave social que transcende o meramente artístico para situarme na esfera do sinxelamente responsable. Pero non resistía a tentación de manipulalo e, así, cedín á repugnancia inicial de tocalo coas mans espidas: é un material plástico, maleable como o barro, aínda que moi adherente se se quenta. Logo de varias probas, intuíndo a necesidade de incluílo como material dalgunha das miñas obras, decido utilizalo, filtrado e coado, en moldes. Sufro do proustiano "efecto madalena", mentres soporto os efluvios do fervor cando estou revolvendo o chapapote sobre o lume. Recordo o pez (palabra -Pez- que non define exactamente este material, aínda que é un pouco no que se reciclaron as bólas de petróleo) nos meus pés, na roupa, ao volver a casa das praias da miña nenez entre xuramentos e trapos con gasolina. Asocio agora, dalgún xeito, o chapapote ou pichi ou galipota, ao feliz verán da miña infancia de area e rocas. Calor sen preocupacións, onde as molestias que provocaba aquela sustancia negra asumíanse como mal menor; o asunto non deixaba de ser outra cousa que o rexeitamento do poderoso mar a tragar o detritus que non lle pertence: "Dar ao César o que é do César..." O fin do autorretrato de chapapote é atenuar a miña mala conciencia (reflexo dunha información humillante que subliña a incapacidade do home de deixar de ser un lobo para o home); unha sorte de maxia que alivia.”

Aos poucos días da inauguración a escultura sofre unha agresión, resulta decapitada e pateada con bárbara violencia. O busto foi retirado e volto fundir, e o autor erixe no lugar unha lápida conmemorativa que permanecerá aí todo o que dure a exposición. A brutalidade deste acto vandálico será a primeira pero non a única agresión que sufra a obra. O 19 de novembro de 2002, o petroleiro Prestige naufraga fronte ás costas galegas e desata a peor marea negra da nosa historia, o desastre ecolóxico e a desolación subseguinte converte ao chapapote nun emblema de destrución e morte, trastornando de forma absoluta a relación que o artista mantiña co material -e co proceso de achado e recollida (para Juan Loeck o “proceso” de produción é sempre a parte que máis lle interesa do seu traballo)- das súas obras. Agora seralle pouco menos que imposible recoñecerse naquel material outrora evocador da asollada felicidade da infancia, convertido repentinamente en mensaxeiro de morte e destrución. E aínda durante anos a escultura haberá de resistir a avalancha de obras “políticas” realizadas con chapapote, como lexítima protesta contra as nefastas políticas de protección do medio ambiente, pero que a manterán aínda durante un longo período de tempo moi afastada das súas coordenadas emocionais.


No hay comentarios:

Publicar un comentario