EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

domingo, 1 de mayo de 2011

"OCULTACIÓNS E INEXISTENCIAS". A exposición que nunca existiu


IMAXES: Sara Sapetti

Na primavera do ano 2007 celebrouse na cidade de Ourense o II Foro Internacional do Feísmo, un proxecto de certa ambición que se enmarcaba baixo o máis amplo nome de Construír un país: a rehumanización do territorio, e que, en palabras de Teresa Táboas, daquela, Conselleira de Vivenda e Solo, tiña por obxectivo “analizar o problema desde todos os ángulos posíbeis para conseguir encontrar solucións que nos permitan ir cara a diante”.

O proxecto nacera en 2005 por iniciativa dun colectivo de persoas preocupadas pola degradación urbanística, paisaxística e medioambiental do país. Xosé Lois Vázquez, Xavier Paz e Alberte Pérez Rodríguez foron os coordinadores e encargados de levalo adiante, para o que solicitaron o apoio da Consellaría de Vivenda e Solo que desde o primeiro momento manifestou o seu interese e a súa vontade de financiar o proxecto. O éxito do primeiro foro levou á celebración do segundo, máis ambicioso e con maior carga de contidos e de dotación económica, totalmente aceptada e asumida pola Consellaría. Como actividade complementaria propúxose a celebración dunha gran exposición fotográfica de autores que, dalgunha maneira, abordasen cuestións relacionadas coa temática do foro. O título desta exposición era Ocultacións e Inexistencias” e, co comisariado de Xosé Lois Vázquez, reunía obra de: Matilde Álvarez, Javier Álvarez Soto, Emilio Araúxo, Emilio Cendón, Daniel Díaz Trigo, Federico García Cabezón, Carolina Martínez, María Meseguer, Víctor Nieves, Carme Nogueira, José Paz, Sara Sapetti, Alba Vázquez Carpentier e Marta Villoslada.

Todas as obras foron realizadas especificamente para a mostra e cada autor contou cunha asignación económica en concepto de gastos de produción. O espazo expositivo ía ser o interior acondicionado de dous colectores que foron traídos de lonxe e que, despois dos trámites pertinentes, foron colocados na rúa do Paseo de Ourense. Con motivo da exposición foi editado un luxoso catálogo bilingüe (galego-inglés) en tapa dura no que se reproducían todas as obras xunto con textos de Xosé Lois Vázquez, Manolo Figueiras e unha presentación da Conselleira.

Na véspera da inauguración, a Consellaría considerou que había unhas fotos, nomeadamente as fotos dos vibradores realizadas por Sara Sapetti, que non podían figurar na exposición. O resto dos participantes decidiu que aquilo era inaceptábel. Fronte ás posicións dos artistas, a Consellaría decidiu cancelar o proxecto Ocultacións e Inexistencias”.

Os grandes contedores portuarios foron devoltos ao lugar de orixe. Pagáronselles os textos aos escritores. Pagouse debidamente a producción das obras aos artistas. Os luxosos catálogos xa impresos  almacenáronse. E da exposición “Ocultacións e Inexistencias” nunca máis se volveu falar. Até hoxe.


No hay comentarios:

Publicar un comentario