EL SENTIDO COMO CREACIÓN COLECTIVA

Esposición: CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
(Conflitos de recepción na arte contemporánea)
Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Do 6 de abril ao 17 de xullo, 2011. Inauguración, 6 de abril ás 19.30 h.
COMISARIADO: Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño.
ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco, Proxecto Ocultacións.
PRODUCIÓN GRÁFICA: Uqui Permui

domingo, 20 de marzo de 2011

CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO [conflitos de recepción na arte contemporánea]

                                                                             FOTOGRAFÍA: OVIDIO ALDEGUNDE

A realidade non está dada, esixe que sexa buscada e se logre
Paul Celan
O sentido é unha creación colectiva, a obra de arte só chega a cumprir o seu programa no momento da recepción. A obra preséntasenos sempre como algo inacabado, un work in progress que o espectador encargarase de completar. O espectador, devido colectivamente en contexto, é o ente responsable da atribución de significados. Cada xeración precisa renovar e reformular (para uso propio) os contidos simbólicos da súa tradición, contidos dos que, como suma de espectadores activos, é en grande medida responsable. A lectura dunha obra remítenos a un proceso dinámico que nunca se esgota, unha suma de lecturas, un conflito que xamais se resolve. A interpretación é o horizonte móbil (Sartre) que se afasta a medida que os espectadores avanzamos. Non existe a solución definitiva que liquide o problema dunha vez e para sempre.

CASUS BELLI pretende afirmar que toda obra de arte leva inscrita no seu programa estético -como unha marca xenética- a vontade, explicitada con maior ou menor intensidade, de rebater e cuestionar o seu contexto de recepción. Esa será a única estratexia que lle permita exhibir os seus propios e irredutibles postulados: a obra gasta parte das súas enerxías en manter baixo control a un contexto quizáis demasiado interesado en impor as súas lecturas. A ese enfrontamento entre o espírito libertario da obra e as tentativas domesticadoras do contexto chamámolo conflitos de recepción: unha interminable guerra de posicións, con trincheiras enlamadas, longas campañas de inverno e accións sorpresa da guerrilla.

Os conflitos de recepción obedecen a multitude de causas diferentes, e dependen tanto das circunstancias externas (censura, trasfega de influencias do propio sistema artístico, choque coas prescricións morais da época,...) como das propias estratexias de comunicación das obras, ata o punto de que se podería dicir que cada obra vese empuxada a inventarse os seus propios conflitos. CASUS BELLI presenta un abanico -cremos que exemplificador- de diversos conflitos de recepción de obras de arte contemporánea na nosa contorna máis próxima.

Haberá que ver sobre o novo escenario canta firmeza faise lírica e canta languidez vólvese incandescencia. E para favorecer a liberdade, que mellor que unha cronoloxía borrosa e unha montaxe expositiva que non renuncia ao risco do dispar. Deixar a porta aberta? Si, sempre si. En coherencia coas súas formulacións, CASUS BELLI exporá un contexto anti-contexto, un desenvolvemento expositivo que, ignorando o histórico como pauta, propoña para cada peza unha nova individualidade, case, case, un simple “aquí estou eu”. Espazo aberto que se dilata entre a obra e a mirada, espazo rozado que se entrega sen obstáculos á iniciativa do espectador.

CASUS BELLI móstrase tamén activa e belixerante contra o sutil silenciamiento que impón ás obras de arte contemporánea a ditadura do último. Impugnamos a cegueira colectiva que asiste impasible ao feito de que as obras se superpoñan por tempadas, e acepta como algo natural que cada nova serie oculte, supostamente supere, e neutralice ás anteriores. CASUS BELLI propón, como acto de resistencia, unha pausada relectura de obras realizadas, no súa maior parte, fai un bo número de tempadas, que mostran incólume o seu potencial perturbador. Obras que percorreron un camiño erizado de dificultades ata chegar a este novo encontro cos seus espectadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario